Saltar ao contido
19/08/2014 / afendadixital

Similitudes con aprender un idioma

As diferenzas na aprendizaxe de uso das NNTT entre os diferentes sectores da poboación lémbranme as diferentes habilidades que temos para aprender un idioma.

Se un recén nacido cambia de país aprende o idioma do lugar de destino tan so con escoitalo e é quen de falalo como se de un nativo se tratase, sen embargo se vai un adulto o mais probable é que chegue a defenderse con el, a falalo, a facerse entender, pero nunca (ou case nunca, sempre hai excepcións) pasará por un nativo.

Ademais @ cativ@ aprenderá o idioma sen un esforzo extra, case sen decatarse mentres que o adulto pasará multitude de atrancos, non se sentirá cómod@ coa lingua mentres a aprende, poñeralle nervios@ utilizala, evitará na medida do posible facelo e buscará a axuda d@s bilingües que poida ter o seu redor.

Estes síntomas son comúns á hora de aprender a utilizar un smartphone, unha tablet, un ordenador,… de feito unha lingua non é mais que un sistema de comunicación e cando usamos as NNTT o que facemos é comunicarnos co dispositivo que estemos a empregar, co agravante incluso de que @ nos@ interlocutor/a é unha máquina que, case nunca é quen de entenderme se eu non uso o seu “idioma” de xeito correcto. Se unha persoa estranxeira me fala no meu idioma pode ser que a comprenda aínda que omita algunhas letras ou verbas enteiras, tamén pode comunicarse mímicamente, pero o ordenador non me vai entender se eu me salto algún paso e moito menos se me adico a facerlle xestos, polo menos, a día de hoxe.

Estas diferencias penso que en moitos casos son instintivas, unha persoa nova está descubrindo como é o mundo e a súa intuición vaise amoldando ao que ve o seu redor, non obstante @s adult@s xa non somos tan flexibles e nas situacións novas tiramos da intuición que fomos forxando durante a nosa vida.

Nos cursos de iniciación é moi habitual que se facemos varias carpetas seguidas, @s adult@s se sorprendan porque o ordenador as vai ordenando alfabéticamente e incluso comentan “a min mas desordena”, nunca vin sorprenderse por iso a un/ha nen@, e coido que é porque na vida do adulto sempre que fomos almacenando cousas estas quedaban na orde na que eu as puxera e non mudaban elas soas, @s nen@s xa están afeit@s a que as máquinas fagan estes tipo de trocos. Sempre foi así para ambos.

E como ese hai multitude de exemplos, é moi habitual que un adulto cando aparece un menú contextual busque a opción por toda a pantalla e @s cativ@s so buscan no propio menú, porque @s últim@s sempre tiveron menús na súa vida e aprenderon a usalos e para @s primeir@s son algo completamente novo.

Por estas habilidades ó/ás nacid@s na época na que xa había ordenadores en case tódalas casas e colexios se lles coñece co nome de “nativos dixitais”.

13/08/2014 / afendadixital

A empatía tecnóloxica

As diferenzas na aprendizaxe de uso das Novas Tecnoloxías (NNTT) son un factor moi importante á hora de enfrontarnos á fenda dixital interna de Galicia.

Gran parte da poboación se atopa con que lle resulta extremadamente complicado facer uso destas tecnoloxías, o que fai que se desanimen, que non queiran utilizalas ou incluso que se autoconvenzan de que non lles poden resultar útiles.

A outra parte da poboación non lle resultan tan complicado e ademais cóstalles entender as dificultades que presentan a outras persoas co que non lles resulta doado axudarlles ou explicarlles como se manexan.

Cando moitas persoas teñen os mesmos problemas e os mesmos vicios diante dun ordenador, por moi doados ou absurdos que nos poidan parecer, quere dicir que non son tan doados nin tan absurdos.

Non é raro atoparse con alguén que tarde varias horas en poder controlar o dobre click, que despois de darlle a unha carpeta (ou a un ficheiro) co botón dereito busque a opción eliminar (ou calquer outra) por toda a pantalla e non no menú contextual que aparece… cousas que normalmente damos por sabidas por todo o mundo e que son moi complicadas para unha boa parte da poboación.

Entender o difícil que lle resultan as tecnoloxías a moitas persoas foi unha das primeiras cousas que aprendín traballando nos proxectos de alfabetización dixital postos en marcha pola Xunta de Galicia, un compañeiro meu definiuno como “empatía tecnolóxica”.

Esta “empatía tecnolóxica” é moi importante para poder achegarnos á cidadanía con mais dificultades no uso das NNTT, ¿como podemos axudarlles se non somos quen sequera de entendel@s?

08/08/2014 / afendadixital

3 anos despois

Despois de mais de 3 anos, e aínda que a fenda dixital vaise reducindo como amosa o informe sobre a penetración das TIC en Galicia, aínda a nosa comunidade é das que peores indicadores ten no uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) como podemos ver nesta enquisa do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Existen diversos proxectos como o da Rede CeMIT da Xunta de Galicia que axudan a diminuír a devandita fenda dixital na nosa comunidade, que conta con unha poboación espallada e envellecida que son factores que inciden negativamente nela. Quedan moitos fogares en Galicia que non dispoñen de liña de banda larga porque as telefonías non teñen infraestructuras para instalalas, e as alternativas que se lles poden dar (conexións vía satélite, por exemplo) son mais caras e lentas.

Neste blog prestaremos mais atención á fenda dixital interna da nosa comunidade, da que xa se falou noutro artigo, a diferencia de uso entre a poboación propia, xa que como se amosa nos informes anteriores mais dunha terceira parte dos galegos e galegas non utilizaron internet, nin tan sequera un ordenador, nos últimos 3 meses.

Aínda que moitos fogares non dispoñen de liñas de internet nin dun ordenador, existen moitas aulas espalladas por toda Galicia onde se poden facer uso das TIC de balde e con persoal de apoio que nos poden axudar, co que calquer cidadán ten a opción de usar as NNTT independentemente do seu nivel de coñecemento e das infraestructuras coas que conte no seu fogar.

Así e todo moitas personas aínda consideran que as NNTT non lles sirven para nada (o 62,4 % dos que non teñen internet no seu fogar é por esta causa), que non lles interesa ou que son demasiado complexas para que as poidan usar (27,5 %). E son estes factores os que penso que podemos axudar a reducir os cidadáns de a pe, para facer ver a todo o mundo que as TIC son útiles, e moi interesantes para todo tipo de persoas, independentemente da súa formación, das súas inquietudes e, tamén, da súa idade.

19/07/2011 / afendadixital

A fenda dixital

A wikipedia define a fenda dixital como as diferencias socioeconómicas entre aquelas comunidades que teñen acceso ás novas tecnoloxías (NNTT) e aquelas que non. Galicia, polas súas caracterísiticas vese afectada en gran medida por esta fenda, xa que o acceso a internet e ás NNTT en xeral é moi inferior ao resto de España. A dispersión da poboación, o seu envellecemento e a nosa accidentada orografía son tres factores que inciden negativamente á hora de achegar estas tecnoloxías á cidadanía galega.

Existe a fenda dixital, pois, en diferentes contextos, haina entre diferentes paises, como consecuencia do nivel de desenvolvemento de cada un deles, pero haina tamén dentro dun propio estado, rexión, vila e incluso pode existir a fenda dixital entre membros dunha mesma familia. Non é raro que un rapaz faga unha compra por internet, pida cita para o médico, reserve viaxes… mentres que outros membros da súa familia (pais, nais, avós, avoas, …) non contan tan sequera cun enderezo de correo electrónico.

En Galicia é evidente a fenda dixital co resto do estado, como se pode observar no informe preliminar do estado da Sociedade da Información de Galicia, do pasado mes de marzo, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, a conexión a Internet está presente no 48,9% dos fogares galegos fronte ao 59,1% que rexistra o conxunto do Estado.

Debido sobre todo ao envellecemento da poboación galega,  o 34,5% da poboación ten máis de 55 anos, a fenda dixital en Galicia é importante entre membros da nosa comunidade, non so existe se nos comparamos co conxunto do estado, senón que ten bastante presenza duns galegos/as a outros/as. Parte da poboación galega usa internet de xeito diario e xa forma parte da súa vida cotiá, mentres que outra parte da poboación non sabe, ou non pode, nin tan sequera acceder, que vantaxes me pode ofertar, … (e son mais dos que puidera parecer). Estas diferencias de uso duns colectivos a outros marcan a fenda dixital interna galega.

15/07/2011 / afendadixital

Saúdos

Benvid@ a esta bitácora onde se falará sobre a denominada fenda dixital, explicando que é e tratando de averiguar as estratexias a aplicar para acadar diminuíla.  Veremos a quen afecta, como o fai e que graniño de area podemos aportar cada un de nós para combatila.  Como profesional das 2 redes impulsadas pola Xunta de Galicia para abordar este problema, a extinta Rede de Dinamización e a actual Rede CeMIT, exporei a miña experiencia neste campo co único obxectivo de clarexar as ideas e tratar de aprender dos nosos acertos e dos nosos erros, se aínda por riba se crea debate sobre o tema, mellor que mellor. Pensar que este poida ser un sitio de axuda precisamente @s perxudicad@s pola fenda dixital paréceme utópico por motivos que irán saíndo nas diferentes entradas que faga, o que non quita que esté a pensar un xeito, o mais realista posible, de facer algo que lles sirva de axuda.