Saltar ao contido
19/07/2011 / afendadixital

A fenda dixital

A wikipedia define a fenda dixital como as diferencias socioeconómicas entre aquelas comunidades que teñen acceso ás novas tecnoloxías (NNTT) e aquelas que non. Galicia, polas súas caracterísiticas vese afectada en gran medida por esta fenda, xa que o acceso a internet e ás NNTT en xeral é moi inferior ao resto de España. A dispersión da poboación, o seu envellecemento e a nosa accidentada orografía son tres factores que inciden negativamente á hora de achegar estas tecnoloxías á cidadanía galega.

Existe a fenda dixital, pois, en diferentes contextos, haina entre diferentes paises, como consecuencia do nivel de desenvolvemento de cada un deles, pero haina tamén dentro dun propio estado, rexión, vila e incluso pode existir a fenda dixital entre membros dunha mesma familia. Non é raro que un rapaz faga unha compra por internet, pida cita para o médico, reserve viaxes… mentres que outros membros da súa familia (pais, nais, avós, avoas, …) non contan tan sequera cun enderezo de correo electrónico.

En Galicia é evidente a fenda dixital co resto do estado, como se pode observar no informe preliminar do estado da Sociedade da Información de Galicia, do pasado mes de marzo, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, a conexión a Internet está presente no 48,9% dos fogares galegos fronte ao 59,1% que rexistra o conxunto do Estado.

Debido sobre todo ao envellecemento da poboación galega,  o 34,5% da poboación ten máis de 55 anos, a fenda dixital en Galicia é importante entre membros da nosa comunidade, non so existe se nos comparamos co conxunto do estado, senón que ten bastante presenza duns galegos/as a outros/as. Parte da poboación galega usa internet de xeito diario e xa forma parte da súa vida cotiá, mentres que outra parte da poboación non sabe, ou non pode, nin tan sequera acceder, que vantaxes me pode ofertar, … (e son mais dos que puidera parecer). Estas diferencias de uso duns colectivos a outros marcan a fenda dixital interna galega.

Deixar un comentario